4 de abril de 2008

Visto bo ao novo nexo de unión entre o vello e o novo Ensanche

A Xunta de Goberno do luns 7 de abril aprobará inicialmente o proxecto de urbanización do SUP-1 de Romero Donallo.

Así o anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que cualificou como "moi delicado" este proxecto, que "que permitirá conectar o novo Ensanche de Conxo co dos anos 70". Sánchez Bugallo destacou a "modernidade e innovación" da arquitectura deste novo polígono de promoción privada, deseñado por César Coll e que albergará finalmente entre 179 e 200 vivendas libres. Ademais, esta actuación, sobre un ámbito de 30.138 metros cadrados, ofrecerá unha solución estética a esta zona, coa creación de edificios que cubrirán as traseiras dos edificios que teñen o seu fronte na rúa Rosalía de Castro.

Entre as achegas deste polígono, destaca a apertura da prolongación da rúa do Escultor Camilo Otero, que transcorrerá por debaixo do periférico e que unirá esta nova superficie urbanizada con Pontepedriña. Tamén permitirá ampliar o espazo dispoñible para o IES Eduardo Pondal e crear amplas zonas verdes e deportivas.

Respecto ás características do proxecto de urbanización, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, destacou a construción dunha praza, na parte traseira do que foi o antigo cine Avenida. Nesta praza, a carón da rúa Romero Donallo, situarase un conxunto escultórico de Álvaro de la Vega.

Igualmente singular será a recollida de mananciais existentes no núcleo de Cornes coa condución das augas limpas á pequena lagoa formada entre o viaduto Antón Fraguas e o do ferrocarril.

Especialmente chamativa é unha proposta do arquitecto de situar nubes escultóricas na mediana da avenida Romero Donallo, a base dunhas cintas de aluminio lacado en branco unidas a postes e a pavimento. O Concello está a estudar aínda o impacto estético desta actuación.

http://santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?id_nova=3437&lg=gal

No hay comentarios: