26 de junio de 2009

A Escola Infantil do Tambre contará en setembro cos seus primeiros 61 alumnos

Publicado na web do Concello de Santiago de Compostela, 26/06/2009:

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitaron as obras da que será a cuarta escola infantil da cidade, no Polígono do Tambre. Este centro estará listo para comezar o curso 2009-2010 cos seus primeiros 61 alumnos.
Sánchez Bugallo constatou que as obras do edificio xa están practicamente rematadas. Unicamente quedaría o acondicionamento exterior, que acometerá o Concello, e a dotación de mobiliario, que deberá realizar a Consellería de Traballo e Benestar, organismo que se encargará de xestionala. A obra supón un investimento de 568.000 euros.

Deste xeito, en setembro comezarían as actividades nesta Escola, para as que xa están realizadas as listas dos seus primeiros 61 alumnos. Esta é a cuarta escola infantil que se abre na cidade, despois das de Conxo, Fontiñas e San Roque. Na actualidade está en licitación a quinta, na praza da Constitución, e estudando a ubicación da sexta, no ámbito de Salgueiriños.
En palabras do alcalde, estas seis escolas, xunto coas da Xunta en Vite e A Susana, farán que en 2011 Santiago supere a recomendación da Unión Europa dun 30% de prazas públicas respecto do total de poboación de 0 a 3 anos. Sánchez Bugallo estimou en algo máis de 2.100 os nenos e nenas da cidade neste rango de idade.

Respecto da Escola do Polígono do Tambre, indicou que se trata dunha "escola infantil singular e emblemática, nun edificio moi especial e con moita luz". Con ela, dixo, dáse resposta á demanda das persoa que traballan no espazo empresarial.

Catro unidades e un amplo patio exterior
A nova escola do Polígono do Tambre contará con 61 prazas para nenos de 0 a 3 anos, distribuídos en catro unidades: unha para nenos menores dun ano (8 prazas), unha para nenos de 1 a 2 anos (13 prazas) e dúas para nenos de 2 a 3 anos (40 prazas). Terá sala de usos múltiples, comedor, área de administración, cociña, despensa e patio exterior.

O edificio é obra dos arquitectos César Coll e Viviana Slafer. Unha das súa principais características é que cada unha das aulas conta cun patio exterior. A superficie útil total do edificio será de 417,62 metros cadrados, ademais dun patio exterior de xogos de 169,45 metros cadrados.

Documentos relacionados



http://www.santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=5010

No hay comentarios: