9 de febrero de 2009

Unha viaxe por...1929-2009. Prensa

O COAG inaugura a mostra «Unha viaxe por...1929-2009»

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) inaugurou onte, na Fundación Torrente Ballester, a mostra titulada «Unha viaxe por... 1929-2009», do arquitecto Pablo Gallego. No acto estiveron presentes o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Celestino García Braña; o director Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Ramón Lueje; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Comisión de Planeamento e Medio Ambiente do COAG, César Coll; e o propio comisario da exposición, Pablo Gallego.

En liñas xerais, «Unha viaxe por... 1929-2009, deriva I» é un percorrido polos territorios de Galicia e as súas profundas transformacións desde 1929, ano no que Luís R. Alonso iniciou un proxecto documental sobre Galicia con motivo da Exposición Iberoamericana de Sevilla, ata a actualidade. Foi un proxecto que, pola repentina morte do seu director, deixa inacabado na súa montaxe, pero que foi finalizado máis tarde de forma secuencial e como idea de viaxe.
O documental é unha gran fonte de información e documentación sobre a xeografía e a paisaxe de Galicia, así como o primeiro intento de promoción turística da terra galega.

Gallego percorre os mesmos lugares e ponse exactamente no mesmo punto onde Luís R. Alonso parou coa súa inseparable cámara. Segundo Pablo Gallego, a exposición segue un guión preescrito de «dobre deriva tanto xeográfica como da memoria», onde fronte á tendencia de ver a paisaxe como un elemento de nostalxia, estético e formal, reflexo dun territorio do pasado e por tanto referente de orixe, mantense unha reflexión sobre o cambio, sobre a falsa inmutabilidade do ambiente e sobre a verdadeira paisaxe da memoria.

O comisario da exposición contrapón o pasado non moi afastado e o inmediato presente: «As dificultades físicas de antano, superadas polas facilidades do presente, por un lado; e a irremediable conclusión de que as imaxes de hoxe non mostran progreso, senón regreso, primitivismo salvaxe, inconsciencia, agresividade», dixo


http://www.abc.es/20090208/galicia-galicia/coag-inaugura-mostra-unha-20090208.html

No hay comentarios: