4 de febrero de 2009

O arquitecto pontevedrés César Portela presentou hoxe en Santiago o número 4 da revista Galegos

"Trátase dunha revista aberta e plural que nacía o pasado mes de xullo coa intención de facer máis visible a realidade da nosa terra.

A presentación do número 4 da publicación tivo lugar hoxe no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en Santiago de Compostela da man do arquitecto César Portela e do presidente da Comisión de Planeamento e Medio Ambiente do COAG, César Coll.

O arquitecto pontevedrés César Portela presentou hoxe en Santiago o número 4 da revista Galegos, publicada por Ézaro Edicións, no que se lle dedica un caderno especial sobre a súa obra. Durante a presentación o arquitecto eloxiou a publicación por ser “un exemplo de cómo se poden tratar temas variados e interesantes coidando tanto o fondo como a forma”. Pola súa banda, o presidente da Comisión de Planeamento e Medio Ambiente do COAG, César Coll, amosou a súa satisfacción “polo feito de que na casa dos arquitectos se presente unha revista dedicada a un dos arquitectos máis importantes da historia de Galicia”.

A figura do que fora Premio Nacional de Arquitectura vese reflectida no caderno central deste exemplar, que conta cunha entrevista persoal, firmada por Susana Cendán, e varios artigos na que personaxes cercanas ao propio Portela reflexionan e disertan sobre a súa obra, como o pintor Antón Patiño, o tamén arquitecto Farruco Sesto, Damián Álvarez Sala –director do Instituto Andaluz del Paisaje- e Teresa Táboas, quen colaborou co estudo do pontevedrés, encargado de dirixir a súa tese doutoral, durante seis anos.

Na súa particular homenaxe, a hoxe conselleira de Vivenda di de Portela que é “un exemplo de fuxida do espectáculo, de arquitectura tranquila en convivencia cos modelos tradicionais, un proceso de reconciliación entre a arquitectura cotiá, a pequena arquitectura, a arquitectura feita a medida do cidadán, o espazo para vivir, a contorna urbana para relacionarse, os espazos verdes que fan habitables as cidades”.

Ademais do caderniño central, o número 4 desta publicación conta con dúas extensas entrevistas ao célebre galeguista Avelino Pousa Antelo e ao xeneral cubano Óscar Fernández Mel, que fai unha disertación sobre a figura do Che Guevara. Así mesmo, Galegos conta neste exemplar cunhas páxinas especiais adicadas ao poeta recentemente finado Ramiro Fonte, entre outras entrevistas e algunhas das novas máis destacadas en Galicia neste último trimestre.

A revista Galegos, que publica Ézaro Edicións, comezou a súa andadura asumindo o compromiso de facer máis visible a realidade de Galicia. A publicación nace coa intención de servir de canle para dar a coñecer e promocionar a nosa terra e as cousas que nela ocorren.

Segundo o reponsable da publicación, Alejandro Diéguez Pazos, “Galegos intenta valorar o patrimonio xeral e profesional galego contando cun espazo propio para tratar temas que non teñen cabida nos xornais diarios”.

Galegos edítase en galego e en castelán e pretende conxugar nos seus contidos tradicións, folclore e cultura popular cos novos valores emerxentes no ámbito empresarial, artístico, científico ou culinario, contribuíndo así a refrendar e apoiar un desenvolvemento de vangarda.

Nas páxinas de Galegos colaboran, entre moitos outros, Fernando Acuña Castroviejo, Xavier Alcalá, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luis Barreiro Rivas, Perfecto Conde, Xosé de Cora, Victor F. Freixanes, Luísa Castro, Luis Caramés, Antón Lamazares, Fernando Ónega, Luis Mariñas, Antón Patiño, Manuel Rivas, Francisco Rodríguez, Ramón Villares, Henrique Monteagudo ou Xosé Ramón Fandiño.

A revista publícase cunha periodicidade trimestral e a súa distribución realízase non só a nivel autonómico e estatal, por medio de organismos oficiais, senón tamén a nivel internacional, a través das embaixadas de España e os centros galegos de todo o mundo".


Publicado en Xornal Galicia, 04/02/2009:
http://xornalgalicia.com/index.php?name=News&file=article&sid=45675

No hay comentarios: