14 de mayo de 2007

A Escola Infantil do Polígono do Tambre estará rematada a principios de 2008

O Goberno local adxudicou á empresa OVIGA as obras da que será a cuarta escola infantil municipal de Compostela, no Polígono do Tambre. Este novo centro suporá un investimento de 517.420 euros e ten un prazo de execución de seis meses. Igualmente, adxudicouse a redacción do proxecto da quinta escola, en Tras Parlamento. Con estas dúas novas escolas, Santiago terá en 2008 cinco centros destas características. A do Polígono do Tambre, que estará lista a principios do devandito ano, responde a unha demanda dos traballadores deste complexo industrial e de servizos.

A nova escola do Polígono do Tambre contará con 61 prazas para nenos de cero a tres anos, distribuídos en catro unidades: unha para nenos menores dun ano (8 prazas), unha para nenos de 1 a 2 anos (13 prazas) e dúas para nenos de 2 a 3 anos (40 prazas). Terá sala de usos múltiples, comedor, área de administración, cociña, despensa e patio exterior.

O edificio é obra dos arquitectos César Coll e Vivíana Slafer. Segundo apuntou a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, unha das súa principais características é que cada unha das aulas conta cun patio exterior. Ademais, resaltou "o seu colorido e os cristais". A superficie útil total do edificio será de 444,93 metros cadrados, ademais dun patio exterior de xogos de 169,45 metros cadrados.

Está previsto que, como tódalas escolas infantís municipais, teña un horario de funcionamento de 7:30 a 20:00 horas.


http://santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?id_nova=2295&lg=gal

No hay comentarios: