28 de marzo de 2014

A cafetería da Alameda estará en funcionamento para as festas da Ascensión

Publicado en El Correo Gallego, 28/03/2014:

O alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou a obra acompañado pola concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, e o arquitecto enargado da obra, César Coll. Os traballos continúan a bo ritmo, co obxectivo de que o novo edificio estea rematado en maio, coincidindo coas festas da Ascensión. 
O proxecto supuxo a demolición das dúas construcións existentes, anticuadas e que afeaban a carballeira de Santa Susana. Foron substituídas por un edificio lixeiro, acristalado e perfectamente adaptado ao parque, que servirá para introducir un elemento de arquitectura contemporánea nos xardíns. É unha construción de calidade arquitectónica pensada para integrar nela as árbores do espazo no que se sitúa. Este edificio permitirá ofrecer a composteláns e turistas un servizo demandado dende hai anos: unha cafetería para gozar da Alameda e das súas vistas.
A primeira fase das obras consistiu no valado da obra e na demolición da caseta situada xunto á Porta dos Leóns. O outro inmoble utilizouse como caseta de obra. Tras a demolición realizáronse os estudos xeotécnicos e a escavación dos cimentos da base do edificio e do pequeno soto que vai ter. Finalmente, comezouse a construír a estrutura. Neste momento estase acristalando o edificio e remantando a pavimentación da terraza aberta. 
Esta actuación enmárcase no proceso de remodelación e rehabilitación do parque da Alameda, que incluíu xa a rehabilitación do espazo de Santa Susana, co acondicionamento dun local para os xardineiros e a retirada do galpón existente; a reforma dos aseos da Alameda; a reparación das escaleiras de Porta Faxeira e a rehabilitación do estanque.

http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/cafeteria-da-alameda-estara-funcionamento-as-festas-da-ascension/idEdicion-2014-03-27/idNoticia-860367/

No hay comentarios: