20 de febrero de 2013

A nova cafetería da Alameda terá 120 metros e dúas terrazas

Publicado en El Correo Gallego, 19/02/2013:
cafetería Alameda, César Coll

O edificio será acristalado, cunha celosía en aparente desorde, e estará atravesado polas árbores, que farán de cuberta vexetal // O custe estimado é de 185.000 euros 

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, o arquitecto César Coll e o promotor da futura cafetería do paseo da Ferradura da Alameda presentaron o proxecto deste edificio. Será un inmoble acristalado, de materiais e funcionamento sostible, que integrará as árbores existentes e que contribuirá a recuperar a Alameda como un espazo de lecer e de convivencia.
María Pardo salientou a "concepción aberta" deste proxecto, que contempla un edificio de 120 metros cadrados. O seu esquema, segundo o arquitecto, "altera" os elementos estruturais tradicionais, substituíndoos por unha celosía estrutural en aparente desorde e próxima o entorno vexetal no que se sitúa. As propias árbores atravesan a construción. 
O interior caracterízase por dous elementos básicos. Un deles é un óvalo de servizos (aseos, cociñas e barra), que axudan a compartimentar o espazo sen perder a continuidade. O outro elemento é unha peza lonxitudinal, utilizable como barra, que organiza funcionalmente o interior. 
A cafetería contará con dúas terrazas, unha a carón do propio edificio e outra ao outro lado do paseo, lindeira co palco da música. Esta última será unha terraza singular, xa que reproducirá no seu pavimento o labirinto de Mogor, situado en Marín. 
Presuposto 
En base ao deseño proposto, especificacións de materiais, acabados, etc., estímase a nivel de fase de anteproxecto un orzamento de execución incluídos gastos xerais e beneficio industrial sen incluír IVE) de 150.000 euros, cantidade á que lle habería que incluír como gastos necesarios para a posta en uso da edificación executada os custos de enxoval e utillaxe (9.000 euros), equipamento e mobiliario (20.000) e aplicacións informáticas (6.000), o que fará un total de 185.000 euros sen IVE.
Edificio aberto e sostible 
César Coll destacou o privilexio que supoñía traballar nun "sitio excepcional" como a Alameda, que definiu como o "corazón verde da cidade". Neste marco, traballou nun proxecto que "altera as regras" e de carácter "aberto". Así, malia que inicialmente vai ser un edificio de vidros de control solar e empregado como cafetería, a súa estrutura permitiría no futuro o cambio de materiais, configuración e usos. 
O arquitecto referiuse especialmente á sostibilidade do edificio, que parte do propio aproveitamento das árbores existentes para crear unha cuberta vexetal que permitirá reducir a incidencia solar ata o 70%. Os mecanismos de funcionamento do edificio estarán baseados, dixo, nun sistema de bombas de calor –de alto aforro enerxético- combinado co aproveitamento da propia xeotermia do solo. Tamén mencionou o sistema de recollida de pluviais. 
Segundo apuntou a concelleira de Urbanismo, estímase un investimento de 185.000 euros neste proxecto que, unido a outras intervencións como a recuperación do estanque ou a potenciación cultural do palco da música, pretende recuperar a Alameda como lugar de convivencia e lecer. Sobre o fin concreto do inmoble, o promotor, Juan Alvite, explicou que terá todos os usos propios dunha cafetería, complementándoos con actividades culturais. 
A empresa adxudicataria disporá do novo edificio por un prazo de 20 anos en réxime de concesión. Deberá pagar ao Concello un canon anual de 10.500 euros/ano. Pasado este tempo, o edificio volverá a mans do Concello, que poderá abrir un novo concurso.
http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/cafeteria-verde-agenda-cultural-revolucionar-alameda/idEdicion-2013-02-20/idNoticia-792191/ 

http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/nova-cafeteria-da-alameda-tera-120-metros-duas-terrazas/idEdicion-2013-02-19/idNoticia-792054/

No hay comentarios: