9 de septiembre de 2009

A Escola Infantil Municipal do Tambre bota a andar no inicio do curso con 61 novas prazas para os máis pequenos

Publicado na web do Concello de Santiago de Compostela, 07/09/2009.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou hoxe, coincidindo co inicio do curso escolar, a Escola Infantil Municipal do Polígono do Tambre, nun acto no que tamén estiveron presentes a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón. Esta será a cuarta escola infantil que entre en funcionamento en Santiago, despois das de Fontiñas, Conxo, e San Roque. A continuación virán as da praza da Constitución, que abrirá a principios de 2010, e a de Salgueiriños, na que se traballa coa perspectiva de sacar as obras a licitación a finais de ano.
En palabras do alcalde, estas seis escolas, xunto coas dúas da Xunta en Vite e A Susana, farán que en 2011 Santiago supere a recomendación da Unión Europa dun 33% de prazas públicas respecto do total de poboación de 0 a 3 anos. Sánchez Bugallo estimou en algo máis de 2.100 os nenos e nenas da cidade neste rango de idade.

Respecto da Escola do Polígono do Tambre, indicou que se trata dunha escola infantil singular e emblemática, nun edificio moi especial. Con ela, dixo, dáse resposta á demanda das persoas que traballan no espazo empresarial.

A nova escola do Polígono do Tambre conta con 61 prazas para nenos de 0 a 3 anos, distribuídos en catro unidades: unha para nenos menores dun ano (8 prazas), unha para nenos de 1 a 2 anos (13 prazas) e dúas para nenos de 2 a 3 anos (40 prazas). Ten sala de usos múltiples, comedor, área de administración, cociña, despensa e patio exterior.

O edificio é obra dos arquitectos César Coll e Viviana Slafer. Unha das súa principais características é que cada unha das aulas conta cun patio exterior. A superficie útil total do edificio é de 417,62 metros cadrados, ademais dun patio exterior de xogos de 169,45 metros cadrados.

A construción da escola e o acondicionamento do exterior supuxo un investimento por parte do Concello de 739.000 euros. A dotación de mobiliario, cun custo de 150.000, corregu a cargo da Consellería de Traballo e Benestar.


http://santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=5230

No hay comentarios: